- É a primeira vez que o equipo de traballadores comeza a funcionar tan pronto, e a promesa do goberno local é que se “manteña ata o final de 2021”
O Concello de Vimianzo comunicou que os equipos de servizos múltiples e albanelería comezaron este mes de febreiro a realizar tarefas de mantemento en todo o termo municipal, unha circunstancia “que non se dera con tanta prontitude nunca” e cuxa idea é que se manteña “ata o final deste ano 2021”.
O municipio de Vimianzo, cunha superficie de máis de 137 quilómetros cadrados, require dunha ampla adicación en materia de mantemento de infraestruturas e servizos, e para dar cobertura a estas necesidades “temos que contar con equipos para executar estas tarefas e dotalos dos medios necesarios para poder facelo dunha maneira óptima e cubrir todo o noso territorio”, comenta o edil de Obras, Miguel Ángel Pérez, quen ademais destaca que “por primeira vez trataremos de contar con estes equipos practicamente once meses, algo que nunca se dera”.
Desde o goberno local tamén anuncian que existe a posibilidade de descargarse a aplicación Liña Verde, a través da cal os veciños poden enviar suxerencias para mellorar a localidade.