O escritor vimiancés Valentín Alvite gaña o Raína Lupa coa novela «Antía e Daren e os pequenos detectives»

1 minutes read

«Antía e Daren e os pequenos detectives» é, segundo o xurado, «unha novela de misterio presidida polo humor». Destaca no seu fallo a «orixinalidade da historia que sae das liñas habituais da literatura infantil máis recente». Valora tamén na obra de Alvite a súa «retranca e desbordante humor» cun «léxico moi coidado e unha prosa moi áxil». Foi o gañador da XII edición do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña. O premio está dotado con 6.500 euros.

Pola calidade da obra, o xurado decidiu tamén declarar finalista a novela da escritora María López Sandez titulada «A noite da deusa» da que destaca o seu «moi coidado estilo nunha obra que elabora unha xenealoxía feminista coa fusión de diferentes mitoloxías cun ollar contemporáneo».

O gañador Valentín Alvite Gándara (Cures-Cereixo-Vimianzo, 1959) é Licenciado en Filoloxía galego-portuguesa. O humor preside a súa traxectoria literaria na que, con anterioridade gañou en 2005 gañou o «III Certame de Microrrelatos ‘Lonxa Literaria'» (Moaña) con «Batea» e no 2009 o «VIII Certame Relato de Aventuras ‘Antón Avilés de Taramancos'» (Noia) polo relato «O hotel», entre outros. A súa primeira obra publicada foi Don Nuno e outros relatos humorísticos, con prólogo de Xosé Luís Méndez Ferrín e no 2017 saíu do prelo o libro Relatos para sorrir, as dúas publicadas en autoedición.