O expositor da Xunta en Fitur acollerá preto de medio cento de presentacións

2 minutes read

A programación que Galicia levará á Feira Internacional de Turismo, Fitur 2024, en Madrid a partir do vindeiro mércores 24 incluirá preto de medio cento de presentacións no expositor institucional da Xunta que reforzarán a capacidade da Comunidade por ofrecer propostas diferenciadas e singulares nos distintos concellos galegos, afondando así na diversificación e na calidade da oferta e dos produtos galegos.

Entre as propostas que se darán a coñecer incluiranse algunhas novidades da man da Xunta de Galicia como o produto que propón coñecer 27 pequenos tesouros -entre igrexas, fragas, pontes, recursos patrimoniais-, que se poden descubrir percorrendo os distintos itinerarios do Camiño de Santiago. Outras propostas porán o foco, por exemplo, nos xeoparques recoñecidos pola Unesco ou na rede de espazos naturais e recente incorporación para a súa visita de lugares como a Illa de Tambo.

Tamén terán protagonismo os Entroidos, como un importante reclamo desestacionalizador do destino galego, así como as novidades deste ano de produtos consolidados como os Trens Turísticos de Galicia. O expositor de Galicia en Fitur acollerá tamén a presentación das principais exposicións que a Xunta programará este ano en Galicia, ao que se sumarán as presentacións que realizarán diferentes concellos e xeodestinos con algúns dos produtos e iniciativas xurdidos ao redor dos seus Plans de Sostibilidade Turística, entre outras moitas propostas.

A calidade da gastronomía galega, os portos, ou o termalismo tamén terán presenza nas actividades e presentacións do expositor, onde tamén haberá espazo de traballo habilitado para reunións de negocios, representada polo Clúster Turismo de Galicia, co obxecto de favorecer a súa dinamización e os seus contactos comerciais directos.

En Fitur 2024 Galicia ofrecerá tamén distintas demostracións culinarias comentadas por profesionais da cocina galega e degustacións, previa reserva, entre outros, de produtos pertencentes a Galicia Calidade, Agacal ou Galicia sabe AMAR.

Tamén se contará coa participación de alumnos e profesores do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) con degustacións e habilitarase un espazo para amosar o labor das redeiras e artesáns. En concreto, haberá un obradoiro en vivo con artesás da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme, con marca Artesanía de Galicia, que na actualidade combinan o seu traballo do mar cunha exitosa carreira na elaboración de complementos.