O evento de Boimorto contará cun escenario Sonemerxente, que toma o seu nome do da devandita iniciativa, polo que o sábado 26 pasarán Paraíso Canto, Samudra Trío, Zeltia Irevire, De Ninghures, Adrian Timms e Hydn, mentres que o domingo 27 será a quenda de Ani Baires, Helena Egea, Law e Mondra.
Todos eles incorpóranse así á programación do encontro que na última fin de semana de agosto reunirá máis dunha trintena de coñecidos nomes do panorama estatal e galego, con Reincidentes, Viva Suecia e Rayden como cabezas de cartel.
Ademais desta colaboración, o Festival de la Luz volve contar co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da convocatoria anual de subvencións para festivais de música e de artes escénicas, que en 2023 distribúe a súa dotación de 575.000 euros entre 26 eventos de toda Galicia. O evento súmase deste xeito á axenda global de máis de 2500 actividades culturais que a Xunta impulsa este verán baixo o lema A cultura en Galicia é un CulturON.