O Fisterra gañou en Santa Comba a súa cuarta Copa da Costa


Este domingo xogouse a final da Copa da Costa de fútbol entre o Fisterra, da Preferente, e a Esteirana, de Segunda Rexional. A Esteirana foi superior no primeiro tempo, no que dispuxo de dúas boas oportunidades rexeitadas polo meta fisterrá Bouzón. Acto seguido, no minuto 33 de partido, o Fisterra adiantouse no marcador nunha recuperación de Cea e un gran pase de Julián resolto por Adrián Mackay. A resposta da Esteirana foi rápida, Raúl Lestón recibía a pelota e dun magnífico zurdazo logra poñer as táboas no marcador, un a un, resultado co que se chegaría ao descanso.
No segundo tempo, o Fisterra saíu máis enchufado ao partido, mostra delo foi un remate ao poste de Estévez nada máis retomarse o xogo tras o paso por vestiarios. O gol do desempate e que sería definitivo a favor do conxunto fisterrá chegaba nas botas de Victor Casais que remataba en gol un magnífico centro de Julián. A Esteirana dispuxo dunha clara oportunidade para igualar o encontro, pero o disparo de Oliver estrelouse no traveseiro. O Fisterra proclamábase deste xeito campión da Copa da Costa por cuarta vez na súa historia.