O Fórum Carballo será un dos centros de coworking da provincia de A Coruña

1 minutes read
  • O proxecto está centrado na promoción do sector tecnolóxico e da innovación

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou este luns coa empresa Atlantic Ponte 2000 o contrato de asistencia técnica para a coordinación e dinamización dun espazo de traballo colaborativo. O Fórum será a sede dun dos centros de coworking integrados na rede provincial impulsada dende a Deputación da Coruña, que achega 75.000 euros a través dos fondos da liña de apoio a emprendedores do Plan de Emprego Local (PEL-Emprende). O Concello, pola súa banda, completará os 83.429,50 euros polos que foi adxudicado o servizo.

O centro de coworking ocupará un espazo de 160 metros cadrados e terá capacidade para acoller 18 novos proxectos empresariais, cuxa actividade de negocio estará orientada ou vinculada, preferentemente, ao sector tecnolóxico ou da innovación.

Polo de agora este servizo está en fase de organización pero a partir de xaneiro realizarase unha campaña de difusión para a captación dos emprendedores que utilizarán este novo centro de emprego, colaboración, encontro e aprendizaxe. O obxectivo é preparalos e dotalos das mellores ferramentas para que, unha vez rematado este período de viveiro, os seus proxectos empresariais poidan funcionar coas maiores garantías de éxito.

Carballo pasa así a formar parte, xunto con Oleiros, Brión e Boiro, do grupo de concellos que conforman o embrión da Rede Provincial de Centros de Traballo Colaborativo, nos que se situarán iniciativas emprendedoras dun sector determinado.