A Cidade da Cultura acolleu este luns o último dos espectáculos incluídos na programación do Nadal no Gaiás, impulsado pola Xunta, unha proposta de La Fiesta Escénica especialmente deseñada e construída para levar ao escenario a maxia dos circos e do Nadal. As familias asistentes poideron abraiarse con animais animatrónicos, creados coa aparencia e o movemento de animais de verdade, ademais de especialidades circenses como aéreos, equilibrios, acrobacias ou malabares.
A compañía La Fiesta Escénica, creada na Arxentina pero asentada en Galicia, en Baiona, dende o 2001, conta con artistas locais e internacionais e a súa aposta pola creación de animais robóticos de gran realismo recibiu recoñecemento internacional. A proposta contou cunha excepcional acollida de público, esgotando as entradas dispoñibles ás poucas horas de pórse á venda, a un prezo de 5€.
Antes do espectáculo, a directora xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, fixo entrega dos premios aos nenos e nenas gañadoras do tradicional concurso de postais de Nadal organizado polo Gaiás para premiar a creatividade e orixinalidade da cativada de ata nove anos de idade. Os pequenos participantes debuxaron a súa particular cidade ou paisaxe de Nadal a partir dun bosquexo descargable en liña.
Os autores das seis máis orixinais recibiron cadanseu agasallo, consistente nun convite familiar ao espectáculo do Circo do Nadal no Gaiás ademais dun lote de contos, libro-discos e xogos educativos en galego, facilitados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
32