O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolleu este martes a resolución das axudas concedidas, na convocatoria de 2023, para o financiamento de proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas pola Consellería do Mar aos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP), cofinanciadas nun 70 % polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa). En total foron preto de 5 millóns de euros os mobilizados para poñer en marcha un total de 70 actuacións que están a desenvolver concellos, asociacións, confrarías, empresas e emprendedores repartidos de norte a sur por toda a costa galega.
Os potenciais beneficiarios destas axudas -pequenas e medianas empresas e persoas autónomas así como persoas xurídicas sen ánimo de lucro como as confrarías de pescadores ou outras entidades do sector- poden presentar as súas iniciativas ao abeiro dos oito GALP existentes na comunidade para aumentar o valor, crear emprego, valorar o fomento da participación das mulleres, atraer xente nova e promocionar a innovación en todas as fase da cadea de subministración dos produtos da pesca e da acuicultura. O GALP Costa da Morte suma 6 actuacións con máis de 608.259 euros de apoio.