O goberno da Laracha presenta uns orzamentos para o 2022 centrados na protección social

Concello de A Laracha_GOOGLE MAPS

  • O proxecto de presupostos, que supera os oito millóns de euros, será elevado ao pleno extraordinario o próximo 7 de xaneiro

O grupo de goberno da Laracha presentou este mércores á corporación municipal o proxecto de orzamentos para o ano 2022 na Comisión informativa permanente de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas. Os presupostos elevaranse para o seu debate, votación e, de ser o caso, aprobación, na sesión extraordinaria do pleno que se convocará para o 7 de xaneiro.

O orzamento está equilibrado en gastos e ingresos e alcanza o importe de 8.618.000 euros, o que supón un incremento de 313.000 euros (3,77 %) con respecto ao exercicio anterior debido á maior participación nos ingresos do Estado e ao reforzamento nas achegas da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña para o financiamento de programas de servizos sociais e de investimentos. Un ano máis, o goberno local manterá a súa política de conxelación de taxas e impostos municipais.

Este proxecto de presupostos volve poñer o foco de atención no benestar da poboación e no esforzo investidor. Desde o goberno local aseguran que as contas foron «medidas desde a prudencia» e planificadas« tendo en conta a realidade e as necesidades do Concello e dos seus habitantes», reflictindo así o «crecemento social e económico que está a rexistrar A Laracha».

Protección social e bolsas de estudos

Como dato significativo, máis do 20 % dos orzamentos, 1.775.000 euros, terán por destino a protección social. Neste apartado inclúense as achegas municipais para servizos públicos como a escola infantil, o centro de día e fogar residencial e os centros sociais da terceira idade, así como para o servizo de axuda no fogar e outros programas de atención a dependentes e colectivos con necesidades especiais. Tamén está contemplada nesta área o gasto que asumirá o Concello en materia de promoción do emprego, estando actualmente en marcha tanto o obradoiro dual de emprego A Laracha VII como o programa integrado de emprego, ambos co apoio da Xunta de Galicia.

Ademais, blíndanse as consignacións orzamentarias para facer fronte ás axudas relativas ás bolsas de estudos, adquisición de equipamentos informáticos para o alumnado, fondo de emerxencia social, Plan de Transporte Metropolitano e tamén as subvencións para o tecido asociativo municipal, destinándose a estes conceptos preto de 450.000 euros.

Infraestruturas públicas

No próximo exercicio económico volverase apostar por un alto volume de investimentos en infraestruturas públicas, grazas ás axudas da Xunta de Galicia, destacando o proxecto da nova estación de tratamento de auga potable e de humanización de rúas no entorno do recinto feiral de Paiosaco, sumando máis de 1.240.000 euros, case un 15 % do total.

Gastos en bens correntes e servizos

Trátase do capítulo máis amplo situándose próximo aos cinco millóns de euros, o supón máis do 57 % do orzamento total. Sen embargo, minórase a súa importancia tanto absoluta como relativa con respecto ao exercicio anterior debido ás novas licitacións dos principais contratos de servizos municipais levadas a cabo en 2021. Neste capítulo tense en conta o incremento do prezo das fontes enerxéticas e consígnanse os créditos necesarios para avanzar na escavación arqueolóxica e posta en valor do Castro de Montes Claros e no proxecto de recuperación de topónimos nas parroquias, incluíndo tanto a numeración das vivendas como a dixital.

No apartado referido ao persoal, prevese o incremento máximo do 2 % das retribucións contemplado no proxecto de Lei de orzamentos xerais do Estado para 2022 así como a retribución da antigüidade do persoal laboral que está a ser obxecto de negociación coa representación sindical.