O goberno de Muxía ultima os preparativos para a nova escola infantil

1 minutes read
  • É unha demanda veciñal de fai anos, e o PSOE levará ao próximo pleno unha partida para a súa reforma

O Concello de Muxía ten previsto rehabilitar un inmoble para instalar nel unha nova escola infantil totalmente equipada. Trátase dun proxecto considerado como «prioridade» para o goberno local e que contará co apoio do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que incorporará o local á súa rede de centros e ademais encargarase de dotalo de persoal e equipamentos.

A mellora da escola infantil ou unha nova ubicación da mesma sempre foi unha demanda da veciñanza desde fai moitos anos. Agora, o goberno local levará ao vindeiro pleno unha reserva de 60.000 euros para acometer unhas obras de rehabilitación total nun local xa existente.

O equipo de goberno visitou o emprazamento que se pretende acondicionar para ver os planos e seguir avanzando na consecución de tal fin. A nova escola infantil contaría con dúas salas, baños adaptados, vestiarios para o persoal, oficinas, zona de catering, espazos de lavandería, zona de entrada e almacén de carros, zona exterior de xogos e descanso e incluso espazo cuberto de xogo e actividades.

O alcalde de Muxía, Iago Toba, destacou que “levamos meses pelexando por esta infraestrutura e, se todo vai ben e se aproba o financiamento en pleno, a previsión é que comece a ter actividade este mesmo ano”.

A concelleira de Igualdade e Educación, Olalla Benlloch, recalcou tamén a importancia de contar con este tipo de infraestruturas xa que “a conciliación familiar é unha cuestión que require apostas decididas por parte das diferentes administracións para favorecela, e iso é o que estamos a facer con este proxecto».