O goberno de Vigo prolonga o servizo de canguros para familias vulnerables

1 minutes read

Abel Caballero deu conta dalgúns asuntos aprobados na última Xunta de Goberno Local, entre os que destacou a decisión de prorrogar por un ano o Servicio de Atención Domiciliaria á Infancia, o SADI Canguros, e destinar ao efecto 164.000 euros.

O Concello dirixe este programa a mulleres nais de fillos e fillas menores de doce anos en situación de vulnerabilidade. O obxectivo é prestar este servizo de canguros na vivenda familiar, favorecendo así a formación e o acceso ao emprego das nais -e en última instancia a súa independencia económica- mentres os menores quedan acompañados.

En segundo lugar, Abel Caballero informou en rolda de prensa da aprobación do convenio a subscribir coa unión comarcal de Vigo de CC.OO para colaborar no desenvolvemento de accións de interese cidadá. Son 36.000 euros que destina o Concello para colaborar co sindicato en distintas actividades, como a súa Oficina de Atención á Cidadanía (que informa sobre urbanismo, renda, emprego e dependencia), unha xornada sobre a reforma laboral ou o asesoramento xurídico a empregados e empregadas.

A este respecto, o rexedor puxo en valor a importancia dos sindicatos na defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras, e recordou que o goberno que dirixe rubrica acordos deste tipo coas tres principais agrupacións: CC.OO, CIG e UXT. Así, Vigo transfire en total 108.000 euros ás sedes viguesas destas centrais sindicais.