O Consello de Ministros acordou remitir de novo ás Cortes dous proxectos de lei que establecen o marco xurídico básico dos bombeiros forestais e os axentes forestais e ambientais, dado que a convocatoria de eleccións impediu a súa tramitación.
A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Democrático, Teresa Ribera, lembrou que a normativa das comunidades autónomas regula a ambos os colectivos, o que provoca desigualdades entre os traballadores, polo que a decisión adoptada hoxe asegura unhas condicións laborais e profesionais equivalentes en todo o país.
Ribera destacou o labor que desempeñan estas persoas durante todo o ano. «É imprescindible estar preparados os 365 días en materia de incendios, en prevención e en capacidade de reacción» e dotarlles dun réxime que «poida ser reconocible en todo o territorio, con categorías profesionais, dereitos laborais, coberturas e condicións comúns en todo o territorio», reiterou a vicepresidenta terceira.
O compromiso do Goberno na prevención e loita contra os incendios, así como na defensa e protección do medio ambiente fai imprescindible reforzar a normativa para «coidar a quen nos coida», remarcou.
No caso dos bombeiros forestais, Teresa Ribera explicou que a norma regulará as condicións destes 20.000 profesionais que prestan un servizo esencial, como é a prevención e extinción de incendios, pero tamén realizan tarefas de prevención, vixilancia, detección, mantemento de infraestruturas, instalacións e equipos.