O Goberno impulsa a sustentabilidade ambiental das estradas do Estado

1 minutes read

O Consello de Ministros presentou a Estratexia de Eficiencia Enerxética da Rede de Estradas do Estado, que pretende reducir á metade o seu consumo enerxético, que actualmente é de 145 millóns de quilowatts hora ao ano, cun custo próximo aos 30 millóns de euros.

O investimento previsto, de 510 millóns de euros ata 2028, permitirá modernizar o sistema de iluminación, xerar aforros na demanda de enerxía, recortar os gastos de mantemento e mitigar a dependencia dos combustibles fósiles. Por seguridade viaria, os criterios para que un tramo sexa iluminado non se modifican.

A ministra de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, sinalou que a Estratexia constitúe un impulso sen precedentes á sustentabilidade ambiental das estradas e autovías do Estado para loitar contra o cambio climático, debido a que se deixarán de emitir 76.000 toneladas de CO2 ao ano, un aforro equivalente ao consumo anual de 30.000 vehículos ou ao consumo anual de enerxía de máis de 65.000 fogares.

Algunhas das medidas que se tomarán serán modernizar toda a iluminación con tecnoloxía led e permitir a gradación da mesma en función do número de vehículos que circulen nun determinado momento por unha vía concreta.

Nos túneles desenvolveranse proxectos piloto para que poidan autoabastecerse de luz, a través, por exemplo, de hortos solares como o que xa está en marcha en Alcantarilla (Murcia) ou con placas solares, como no túnel de Folgoso en Pontevedra.

Tamén se instalarán placas solares nos centros de conservación de estradas para aumentar a súa autosuficiencia enerxética e toda a frota da Dirección Xeral de Estradas estará formada por vehículos «cero emisións» ou «eco».