O goberno local da Laracha presentará este martes o orzamento á Corporación

3 minutes read

O goberno local da Laracha xa ten preparadas as contas, as maiores da súa historia, que presentará á Corporación municipal na Comisión Informativa que se vai celebrar este martes antes de elevalas para a súa votación e, de ser o caso, aprobación, ao Pleno extraordinario do venres 29 de decembro.

Segundo a información municipal, o proxecto de presupostos está equilibrado en gastos e ingresos. Alcanza a cifra de 10.970.000 euros, o que representa un incremento do 11,37 % con respecto ao exercicio anterior. Dito aumento fundaméntase, principalmente, na previsión de maior participación nos ingresos do Estado e en programas de axudas doutras administracións para o financiamento de actuacións de mellora de infraestruturas municipais e programas de promoción do emprego, entre outras iniciativas.

A proposta do grupo de goberno susténtase sobre os piares do benestar social e do esforzo investidor, definindo as que serán as liñas estratéxicas da xestión municipal para o próximo exercicio axustadas á realidade económica e financeira do Concello.

O capítulo máis destacado é o de gastos correntes en bens e servizos, que supera os seis millóns de euros e supón o 55 % do total dos orzamentos. Neste apartado inclúense os custes de servizos municipais básicos -entre eles, mantementos, limpeza e iluminación pública-, contemplándose as estimacións da revisión á alza que implica o incremento do prezo das fontes enerxéticas. Outros programas incluídos nesta área son os culturais e deportivos, garantindo por tanto a ampla oferta para todos os públicos, tanto de eventos como de actividades, que se leva a cabo ao longo de todo o ano baixo a organización directa do Concello. Do mesmo xeito, tamén se mantén o apoio económico ao tecido asociativo municipal. Ao capítulo de investimentos destinaranse máis de 1,3 millóns de euros, o 12,13 % do total. Entre os proxectos de mellora das infraestruturas públicas que se levarán a cabo en 2024 destacan actuacións relacionadas coa sustentabilidade e cunha máis óptima xestión dos residuos, consistentes na instalación de placas fotovoltaicas para o autoconsumo eléctrico de edificios municipais, a ampliación do punto limpo e a adquisición dun novo vehículo para a recollida de lixo. Tamén quedan consignadas partidas orzamentarias para o Plan de conservación da rede viaria municipal e para a compra dun vehículo que estará a disposición do persoal adscrito ao departamento de Servizos Sociais. Ademais, no capítulo 7 (transferencias de capital) inclúense os máis de 108.000 euros da achega municipal para as obras de construción do novo depósito de auga e a mellora da estación potabilizadora de Gabenlle.

Outros investimentos para o 2024 son a rehabilitación integral da Casa do Concello, a reforma da casa reitoral de Montemaior e a mellora dun tramo do paseo marítimo de Caión.

Precisamente para posibilitar o impulso ao capítulo de investimentos sen minorar outras partidas orzamentarias, está prevista en 2024 unha operación de crédito por un importe de 600.000 euros. No momento actual o Concello non ten en vigor ningún préstamo con entidades financeiras.

Outro apartado cun notable peso específico nos orzamentos municipais será a protección social, a promoción do emprego e o apoio ao sector comercial, recollendo nel o mantemento de todos os equipamentos adscritos aos servizos sociais (escola infantil, centro de día e fogar residencial, centros sociais), programas como o servizo de axuda no fogar e o Harmoniza para facilitar a conciliación, actividades para a promoción da igualdade, o fondo de emerxencia social, a achega municipal para o Plan de Transporte Metropolitano e o financiamento de iniciativas dirixidas a mellorar as competencias profesionais dos cidadáns para facilitarlles a inserción no mercado laboral. Tamén se renovará o compromiso cos estudantes e as súas familias a través das bolsas municipais.

E no capítulo de persoal prevese o incremento do 2 % das retribucións actuais de acordo co previsto no Acordo Marco cos sindicatos para o período 2022-2024.

O goberno local conclúe afirmando que, dando continuidade á xestión dos anos precedentes, presenta un orzamento cauteloso e realista na previsión de ingresos, pero ao mesmo tempo ambicioso e comprometido coas necesidades da Laracha e o benestar e as inquedanzas dos cidadáns.