O goberno local da Laracha proporá ao Pleno varias opcións de inversión do remanente

2 minutes read
  • O importe do suplemento de crédito e do crédito extraordinario ascendería a un total de 585.155,22 euros.

O próximo xoves celebrarase na Laracha o Pleno ordinario do mes de xullo. O asunto máis destacado que se elevará a esa sesión por iniciativa do goberno local será a proposta de aprobación dun suplemento de crédito e dun crédito extraordinario que posibilitaría incorporar aos orzamentos municipais un total de 585.155,22 euros do remanente líquido de tesourería como fonte de financiamento para diversos fins de interese xeral para a cidadanía larachesa.
Unha das principais iniciativas que se presente levar a cabo grazas a estes fondos é a adquisición de terreos en Paiosaco para establecer novos espazos dotacionais na vila, ao que se destinarían 95.000 euros. Nun sector deses espazos xa está proxectada unha primeira actuación, tamén a financiar co remanente, consistente na construción dunha pista polideportiva descuberta valorada en 157.000 euros. Sería a primeira infraestrutura destas características que se habilitaría en Paiosaco.
Continuando coa mellora dos equipamentos deportivos municipais, outros 227.000 euros terían por destino o proxecto de renovación integral do complexo da piscina municipal. Inclúe tanto a reforma da zona do vaso como no ximnasio, onde se contempla a instalación dun novo solo e a dotación de maquinaria.
A incorporación do remanente aos orzamentos tamén permitirían financiar a achega municipal para a reforma do centro sociocultural da Insua, en Caión, instalacións que actualmente albergan o centro de saúde da vila. Tamén a adquisición tanto dos terreos necesarios para ampliar o punto limpo da Laracha como dos que se requiren para incrementar os espazos públicos xunto ao pavillón de Xermaña (Caión), o que tamén permitiría mellorar os accesos á área de autocaravanas.
Ademais, reservaríase o crédito preciso para a redacción do estudo técnico para a posta en valor da carballleira de San Fins recentemente adquirida polo Concello e para o Plan Especial do entorno da igrexa de San Martiño de Lestón, onde se pretende crear unha praza e un novo acceso cara o cemiterio, ademais de mellorar as comunicacións por estrada desde O Igrexario ata Fofelle e As Rañeiras.
Antes de ser elevada ao Pleno do xoves, esta cuestión será sometida o martes ao ditame da Comisión Informativa Permanente de Asuntos Económicos, Facenda e Especial de Contas.