O Goberno rebaixa o IVE de máis tipos de pan ao 4%


O Consello de Ministros aprobou este venres, a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, un Real Decreto que establece as normas básicas de calidade para a elaboración e que permite aplicar o IVE reducido do 4% que xa tiña o pan normal a outros pans como os integrais, os de cereais distintos ao trigo e os elaborados con salvado.

Ata agora estes ‘outros’ pans tiñan un IVE do 10%. “A norma chega para tratar de mellorar a información que ten o consumidor porque o pan é un alimento fundamental na cesta da compra dos españois”, explicou a portavoz do Goberno, Isabel Celaá na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, onde sinalou que esta normativa comporta un “importante efecto” na fiscalidade destes produtos. Así, entre as novidades introdúcese unha nova definición do ‘pan común’, que inclúe pans elaborados con outro tipo de fariñas distintas á do trigo, permitindo así o uso de fariñas integrais, doutros cereais, pero ademais, incluirá produtos máis beneficiosos para a saúde, demandados polo consumidor moderno.

Agricultura precisou que esta nova definición de ‘pan común’ permite que a partir de agora, se aplíque un IVE reducido a máis produtos que hoxe en día se consideran de consumo habitual nos fogares, como son os pans integrais, os de cereais distintos ao trigo e os elaborados con salvado.

Desta forma e grazas á ampliación da definición de ‘pan común’, rebaixarase do 10% ao 4% o tipo de IVE reducido a máis tipos de pans.