O Goldie Xiria Carballo Turismo, decide o derbi na segunda parte


Non foi un derbi vistoso o que se puido vivir no pavillón do CEIP Fogar o pasado sábado. As imprecisións dominaron boa parte do encontro entre o Goldie Xiria e o Conservas Boya BM. Encaixe Camariñas, aínda que se houbo incerteza e emoción por un marcador que non romperon de forma definitiva as de Carballo ata o segundo acto.

O dominio das locais, sobre todo en tarefas defensivas, non se referendaba na portería contraria, xa que as do Goldie sumaban continuas perdas de balón na transición cara ao marco visitante. A pesar das dificultades coas que se atopaban as de Camariñas fronte á retagarda local, mostrábanse pacientes e non lle perdían a cara ao partido, aproveitando os erros do seu rival para adiantarse no marcador durante o primeiros dez minutos e para manterse preto das mesmas a partir do meridiano do primeiro acto. Curiosamente, as de Carballo conseguirían asinar a máxima diferenza cando se daba paso ao tempo de descanso (11-8).

Chegaba o tempo da continuación con todo por decidir e tres precipitacións consecutivas do Goldie Xiria Carballo Turismo, dilapidaba, en tan só minuto e medio, a vantaxe adquirida ao final do primeiro acto (11-10). O técnico local, veríase entón obrigado a solicitar o seu segundo tempo morto para reordenar ao seu equipo. Os cambios efectuados, sobre todo na retagarda, que funcionaba agora cun 5:1 zonal sobre a parte esquerda do ataque camariñán, pronto comezarían a dar os seus froitos e as recuperacións de balón, que xa estaban a ser moitas ao longo do partido, acentuábanse a favor das de Xiria nestes instantes. O que non melloraría, eran as situacións en transición despois desas recuperacións e é que o Goldie Xiria Carballo Turismo seguía perdendo balóns ou fallando lanzamentos diante da potera rival.

Aos poucos e co paso dos minutos, o conxunto de Carballo foi puíndo eses erros e a través da pausa e o “ timing”, conseguiría atopar o mellor momento para correr e ser efectivas tanto no pase longo como nos lanzamentos ante a portería rival. Desta forma, as carballesas sentenciarían o encontro nos últimos vinte minutos e cun contundente parcial de 9-2, conseguirían dous importantes puntos que lles achegan a unha vitoria da quinta praza, posto que agora mesmo ocupa o Obra Civil Cíes BM. Chapela, rival das de Carballo o vindeiro domingo. En caso de vitoria, o Goldie Xiria Carballo Turismo, instalaríase nese quinto posto que outorga a posibilidade de xogar o play- Off.