O Goldie Xiria Carballo Turismo, non puido impoñerse ao Cíes Obra Civil BM. Chapela, a pesar de tentalo ata o final e durante os sesenta minutos do encontro. As bergantiñás, que o tentaron con diferentes defensas e variando o seu ataque, conseguiron parciais ilusionantes que as achegaban ao seu rival con momentos dun balonmán intenso e dinámico, pero os erros e as perdas de balón non forzadas, foron claves no devir do encontro e, ao cabo, impedirían que as carballesas alcanzasen o obxectivo final de superar no electrónico ao seu rival.
O encontro comezaría con dous equipos que igualaban as súas forzas, coas locais por diante no electrónico, pero as de Carballo a unha pequena distancia, competindo e mantendo as súas opcións intactas. Foi, nos últimos minutos deste primeiro tempo, cando o Goldie Xiria Carballo Turismo enlazou varios erros non forzados de forma consecutiva, feito que non desperdiciou o seu rival para marcharse ao descanso cunha vantaxe moi cómoda, a máis ampla ata o momento (17-12).
Na reanudación, o plan das de Xiria era claro, unha defensa máis agresiva e profunda na zona esquerda do ataque das de Chapela para provocar erros e roubos de balón e así poder acometer a remontada. As locáis, lonxe de amedrentarse, non estaban dispostas a ceder tal vantaxe, e mesmo foron quen de aumentar a diferencia ata os dez goles cando ainda non se levavan disputados dez minutos do segundo tempo (23-13). O Goldie Xiria, que esgotara os dous tempos mortos que lle quedaban, pasaba agora a un plan máis agresivo, e situaba, na súa retagarda, duas xogadoras profundas, unha sobre a central e outra sobre a lateral esquerda. O plan daba os seus froitos e as de Carballo eran agora as que provocaban erros e interceptaban balóns, marcando rapidamente ao contraataque e reducindo a diferencia a metade cando ainda faltaban dez minutos para o final do encontro (24-19).
Nos últimos minutos, a defensa funcionaría do mesmo xeito, pero as prisas por concretar a remontada e as precipitacións no lanzamento, acumularían demasiados erros non forzados que impedirían que o Goldie sacará algo de proveito de forma definitiva na súa visita a Chapela.