Grupo Lemaco Xiria B 39 – Balonmán Cisne B 37 (23-20)
Difícil compromiso o superado esta fin de semana polo Grupo Lemaco B, vencendo a eliminatoria que o enfrontaba ao Balonmán Cisne a dobre partido.
No primeiro choque disputado o sábado en Carballo o Xiria, nun igualado partido, impoñíase por 39 a 37 quedando a eliminatoria moi axustada e con dúbidas de que equipo pasaría a seguinte fase.
Primeiro partido onde claramente as defensas de ambos conxuntos non estiveron acertadas, o Xiria apostou cun sistema defensivo moi adiantado e pagouno en exceso, vendo como o Cisne chegaba ante a portería rival con moita facilidade, so foi capaz o Grupo Lemaco de cobrar renda de 7 goles a 15 minutos para o final, pero os pontevedreses volveron a meterse na eliminatoria, moi acertados no lanzamento a portería. Ao remate, dous goles por adiante o Xiria que parecían pouca renda para afrontar a volta a domicilio
Balonmán Cisne B 29 – Grupo Lemaco Xiria B 37 (14-21)
O domingo volvían a verse as caras para resolver a eliminatoria e decidir quen pasaba a Final Four, e aí estivo moito mellor plantado no campo o Grupo Lemaco, que en todo momento soubo como xogarlle ao rival.
Saíu moito máis entoado en defensa o Xiria, sabendo parar os puntos fortes do rival e aproveitando as dúbidas na circulación do balón para asfixiar aos contrarios, conseguía cobrar renda nos primeiros minutos podendo correr a contra e plantarse diante do porteiro rival.
Tampouco tiña presa o Grupo Lemaco no ataque, elaborando e superando esa presión cineasta sobre o central Pablo, atopando situacións claras onde máis dano lle facía ao rival. As diferenzas foron agrandándose cos minutos, a precipitación non é bo aliado nestes encontros, e fixo que o Cisne fose perdendo a compostura ante unha defensa ben asentada. Foron medrando as diferenzas no marcador e no xogo segundo o transcorrer dos minutos, e o Grupo Lemaco facíase con esa praza para a disputa o próximo fin de semana da Final Four ante Balonmán Tui, Balonmán Lalín e Balonmán Arteixo tamén clasificados.