BM. Narón-Ferrolterra 31 – Grupo Lemaco Xiria 29 –(17-15)
Contaba os seus partidos como vitoria, pero en Narón xuntáronse varias circunstancias para que o partido se saldara coa primeira derrota da tempada. Os moitos erros de lanzamento e sobre todo a pouca intensidade defensiva lastraron ao equipo durante todo o tempo e fixeron inalcanzable o triunfo.
O balonmán Narón presentou unha defensa 6:0, axudado pola maior envergadura dos seus xogadores, que dificultou moito que o Xiria se plantase con boas opcións de ataque, o porteiro rival encargouse de atallar moitos dos lanzamentos o que o Xiria foi acusando no marcador, pois a defensa carballesa tampouco era capaz de frear o xogo local.
Conseguía darlle a volta ao marcador o Grupo Lemaco na segunda metade con moita máis velocidade no ataque, pero pouco durou, e o Narón volveu a mandar no encontro ao volver a pechar ben a súa defensa e ser capaz de aproveitar as ocasións no seu ataque, diferenza de dous goles no remate do encontro.
Balonmán Atlántico 26 Grupo Lemaco Xiria B 33 (13-19)
O domingo tocaba sobrepoñerse a derrota do día anterior, e vaia si o fixeron os xogadores, xogando o mellor partido no que vai de tempada, dando mostras de saber superar as distintas variantes que ofreceu o rival e dominando o encontro durante os 60 minutos.
Esperábase a dous equipos que apostan por defensas abertas, accións rápidas e moitas saídas a contra, o Grupo Lemaco soubo ler o partido dende as primeiras accións, amosando moito xogo combinado coa súa segunda liña, pivotes e extremos aparecían para dar continuidade no ataque e para atopar os ocos por onde poder marcar.
Na defensa, tamén os carballeses amosaron outra cara, maior anticipación, intensidade de pernas e sobre todo de brazos, que fixeron que o Atlántico vise truncados moitos dos ataques.
Foi tirando no marcador o Xiria e foi creando un colchón de seguridade no encontro, que lle permitía xogar coa confianza necesaria para poñer calma e orden no ataque e ir minorando a fe e as posibilidade de vitoria do rival.
A falta dos dous enfrontamentos co Línea 21, derradeiro clasificado, o Grupo Lemaco B, practicamente se proclamou con esta vitoria campión do seu grupo.