O Grupo Socialista esíxelle ao Goberno galego ‘datas e garantías’ para incrementar as prazas de bus en Bergantiños

4 minutes read

A parlamentaria socialista Patricia Iglesias acusou este mércores á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade de incumprir cos seus compromisos de mellorar o transporte público por estrada na comarca de Bergantiños. Iglesias presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que responsabilizou á conselleira das eivas na conexión coa Coruña e Santiago e da situación de abandono da estación de Carballo.

A responsable socialista advertiu que as “fallas estruturais” do transporte público de viaxeiros na comarca “afecta cada día a moitos veciños e veciñas” de Bergantiños que están a ser tratados “como de segunda categoría” polo goberno galego. Cualificou de “intolerable” que os buses da mañá que unen Fisterra e Muxía coa Coruña chegan a Carballo “sen pazas, deixando persoas tiradas” en función do seu destino final, cunha práctica “discriminatoria, arbitraria e sen base legal”.

Iglesias acusou á responsable de facer “promesas que logo non atenden”, e lembrou o seu compromiso de incrementar a capacidade do bus das oito da mañá dende Carballo a partir do pasado 6 de outubro, pero a piques de comezar febreiro “a situación non mellorou”. Ademais, a liña que une Carballo con Santiago “leva anos perdendo frecuencias”, con horarios que mudan de forma arbitraria “sen previo aviso e sen criterio”.

A parlamentaria socialista dixo que a comarca está “farta de chapuzas, farta de improvisacións e farta de sentirse tratada como un territorio de segunda”, como resume a situación da estación “pantasma” de Carballo, que permanece, “abandonada, sen oficina, sen información e dando medo á noite”.

Criticou que a única alternativa do goberno galego para estes viaxeiros sexa a autovía da Costa da Morte, cunhas peaxes abusivas que teñen que pagar os usuarios porque  goberno galego se nega a aplicar as mesmas bonificacións do 75 por cento que apica o Estado na AP-9 e a autopista Santiago – Dozón.

A XUNTA PON EN VALOR O TRANSPORTE INTERURBANO NA COSTA DA MORTE CON 267 RUTAS

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, puxo en valor no Parlamento galego a oferta de transporte interurbano na Costa da Morte cun total de 267 rutas que inclúen paradas nalgunha das comarcas de Fisterra, Terra Soneira, Bergantiños e Xallas. Ademais, esta zona dispón dunha ampla oferta de servizos. En concreto, 58 ao día de luns e a venres entre Carballo e a Coruña en ambos sentidos -18 deles directos- e outros 30 na fin de semana.

No que se refire en concreto á liña entre Carballo e A Coruña incidiu en que nun día laborable se habilitan máis de 950 prazas nos autobuses que cobren os servizos directos entre estes dous concellos. Nesta liña, sinalou que a importancia deste eixo de comunicación se acredita co incremento de persoas usuarias. Así, se en 2023 se rexistraron case 235.000 viaxeiros, en 2024 superaron os 272.000, e en 2025 a tendencia seguiu á alza, con máis de 290.000 viaxeiros, un 8% máis.

Diego Calvo lembrou que a Xunta, sempre que é factible e na medida dos recursos dispoñibles, adecúa os servizos ás necesidades das persoas viaxeiras coa creación de novos servizos, o incremento de frecuencias, o axuste de horarios e o aumento da capacidade dos autobuses.

No caso da Costa da Morte, puxo como exemplo medidas dirixidas precisamente a atender as demandas a ampliación do servizo de primeira hora da mañá na liña Fisterra-Cee-A Coruña para atender as necesidades do alumnado dos institutos da zona, a modificación de horarios entre Carballo e Corme para ampliar as opcións de enlace dos autobuses que chegan a Carballo desde A Coruña, ao igual que no servizo que emprega o alumnado de Ponteceso do IES Monte Neme de Carballo. Ademais, engadíronse novas paradas en Dumbría nos servizos que conectan con Cee en horarios de instituto e creouse un novo servizo de luns a venres ás 08,00 horas para o alumnado do IES Terra de Soneira de Vimianzo.

Transporte adaptado ás necesidades

Deste xeito, aclarou que tanto na Costa da Morte como no resto de Galicia o transporte escolar está garantido con praza asignada e horarios de autobús axustados aos do centro de ensino do alumnado. De feito, coas medidas postas en marcha a Xunta trata de axustarse tamén ás necesidades do alumnado de ensino non obrigatorio, sempre e cando non resulte incompatible co interese do conxunto das persoas usuarias.

Cómpre engadir o frecuente reforzo de servizos na liña entre Carballo e A Coruña, con catro servizos de luns a venres, dous por sentido, e os que activa a empresa para ampliar a capacidade, con 35 reforzos á semana no corredor Carballo-Arteixo- A Coruña.

Por outra parte, canto aos autobuses que unen A Costa da Morte con Santiago de Compostela e que pasan por Bertamiráns, no concello de Ames, a conexión entre esta localidade e a capital galega conta con máis de 10.000 prazas nunha xornada laborable.