O Hospital Público Gran Montecelo disporá de 265 baños modulares

1 minutes read

A dotación destes equipamentos nas habitacións permite evitar interferencias coa construción da propia estrutura do edificio, polo que a súa instalación será simultánea ao avance en altura da torre de hospitalización.

Deste xeito, o proxecto arquitectónico conxuga, de novo, deseño e funcionalidade nunha obra hospitalaria de vangarda que se está a converter en referente e modelo neste tipo de edificación especializada.

Estes baños modulares son fabricados en serie nunha planta industrial, baixo condicións de control, seguimento e probas que dificilmente se poden conseguir na instalación convencional en obra.

Este tipo de equipamentos está moi estendido nas principais economías de Europa, e atópase en auxe en España, polas vantaxes que achega na construción de edificios con moita repetición da mesma tipoloxía de baños, como hospitais, hoteis, residencias de estudantes, centros da terceira idade ou grandes bloques residenciais.

No Hospital Público Gran Montecelo o deseño dos baños incorporará unha parede de ducha coa carta náutica da ría de Pontevedra, que cartografía e reproduce os nomes dos máis representativos núcleos de poboación.

O resto das paredes estarán realizadas en revestimentos de gran formato en tonalidade gris clara, pezas de gran tamaño que reducen o número de xuntas necesarias, un dos puntos críticos na obra hospitalaria, ao ser un posible refuxio para a reprodución de fungos e bacterias.

Estes 265 baños modulares irán equipados con barra de apoio en aceiro inoxidable, barra de tres brazos, cadeira, espello en formato mural desde o lavabo encimeira ata o teito, inodoro e lavabo feito co material de nova xeración ‘Solid Surface’, máis continuo, homoxéneo, moldeado e sólido (non poroso) que a louza habitual.