Un equipo multidisciplinar formado por preto de un centenar de profesionais do Hospital Universitario Vall d’Hebron de Barcelona realizou o primeiro transplante parcial de cara do mundo a partir dunha doante que solicitara a eutanasia, un fito médico sen precedentes. O hospital barcelonés deu a coñecer a intervención este luns nunha rolda de prensa na que estivo presente a receptora, Carme, afectada por unha grave infección que provocou a necrosis de células e tecidos faciais.
O transplante facial esixe unha compatibilidade extremadamente precisa entre doante e receptor. Ambos deben compartir sexo e grupo sanguíneo, ademais de presentar medidas antropométricas similares, un requisito crave para garantir a viabilidade do enxerto. Segundo explicou Joan-Pere Barret, xefe do servizo de cirurxía plástica e queimados de Vall d’Hebron, o feito de contar cunha doante que recibiu a eutanasia permitiu unha planificación cirúrxica excepcionalmente detallada.
Todo iso sen que houbese ningunha conexión entre a doante e a receptora, indicou pola súa banda o coordinador de Programas de Doazón e Transplantes do Hospital Universitario Vall d’Hebron, Alberto Sandiumenge, quen asegurou que cumpriron a lei de regulación da eutanasia «estritamente».