O IES Maximino Romero de Lema de Baio acolle, dende fai unha semana, a exposición itinerante “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século”, organizada pola Fundación Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do pasamento desta muller de gran relevancia na sociedade do século XIX.
A mostra, constituída por vinte paneis, permite á toda a Comunidade Educativa coñecer os momentos máis destacados da traxectoria vital desta coruñesa ilustre e situala nun lugar que merece polas súas accións e polo seu pasamento.
Ela representa a esas mulleres esquecidas ás que se quere dar luz con motivo do 8 de marzo.
Abórdase a traxectoria da súa familia, a guerra e a política de principios do século XIX; a súa voda co heroe da Guerra da Independencia, Francisco Espoz y Mina, cuxa morte a converte na viúva eterna; a súa faceta humana e intelectual, desde a súa función como coidadora da Raíña Isabel II ata a fundación de hospitais e hospicios ou a súa influencia nos círculos de poder para axudar aos máis necesitados.
O alumnado de 2º de Bacharelato complementou este xoves a actividade coa participación nunha charla a cargo de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación, na que se afondou no coñecemento deste referente feminino do liberalismo progresista da súa época, implicada en impulsar movementos sociais co fin de mellorar a vida dos máis desfavorecidos e defender os dereitos da muller, sempre coa discreción que requiría no seu tempo a súa condición feminina.
Ambas actividades encádranse dentro do programa de actos dedicados á muller no mes de marzo desenvoltos pola Biblioteca do Centro.
Dende o IES agradecen á Fundación a súa amable disposición ao cederlles a mostra e ao seu presidente, Enrique Sáez Ponte, por achegarse ao Centro para completar a visibilización ante o seu alumnado desta muller excepcional cuxo legado continúa vivo.
25