O IES Maximino Romero de Lema de Baio celebra a súa Semana Cultural do 12 ao 16 de maio

2 minutes read

Manuela Ángela Tomé, María Souto e María Silva, tres cantareiras do Concello de Zas compartirán co alumnado a súa arte, a súa experiencia e a súa paixón pola música e a poesía popular. Nun encontro literario, Eva Mejuto falará “daquelas que cantaron” co gallo da celebración das Letras Galegas. Nenos e nenas tamén terán a oportunidade de dar os primeiros toques nunha pandeireta e de bailar ao son das cantigas tradicionais.
Como non podía ser doutro xeito, participarán na homenaxe que o Concello fará a un dos persoeiros máis ilustres de Zas polo centenario da súa morte, Enrique Labarta Pose.
Así mesmo, realizarase un roteiro literario polos espazos biográficos e literarios en Baio do poeta baiés que será guiado por Ricardo Vigueret.
Na xornada do mércores, reivindicarase o xogo como ferramenta viva de transmisión cultural, convidando á rapazada a descubrir e gozar da cultura lúdica local mediante máis de 25 xogos tradicionais.
Outras moitas actividades completan unha programación variada que abarca diferentes intereses: un taller gastronómico para principiantes, outro de creación de Ex libris; un sobre a arte do ganchillo; un escaperoom e un taller de fotografía para emprendedores; un obradoiro de expresión oral e as formas de comunicación no teatro; outro sobre a diversidade con animais invertebrados vivos.
Charlas que lles achegarán coñecemento sobre unha boa multitude de campos: a saúde mental e o suicidio nos adolescentes, a educación afectivo sexual, o coñecemento dos síntomas e dos coidados asociados ao alzheimer; o ciclo natural das mulleres; a preparación para o primeiro emprego; o mundo segredo dos cans.
Gozarán da maxia da Ciencia, conectaremos co mar a través do surf, aprenderán sobre a arte da rúa nun roteiro polo murais de Carballo. Tampouco faltará a música da man do García MC, un dos referentes das cultura hip-hop en galego, que poñerá o broche final a unha semana chea de actividades orientadas a poñer en valor o patrimonio cultural galego.
Unha semana imposible de realizar sen o traballo de toda a Comunidade Educativa e de todas as persoas que comunican os seus saberes para que o alumnado se enriqueza de forma positiva, conclúen desde o IES.