O IES Maximino Romero de Lema de Baio incorpórase ao programa «Club de Ciencia»

1 minutes read

O Club de Ciencia defínese como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que podan dar resposta ás súas curiosidades, aos seus intereses e resolver problemas. Deberá estar formado por un ou máis docentes de calquera especialidade e alumnado de educación primaria, secundaria obrigatoria ou bacharelato. Un dos docentes actuará como persoa coordinadora do club. Cada centro docente seleccionado recibirá unha achega económica, a determinar en función do número de centros que finalmente participen no programa.

O obxectivo desta iniciativa −que forma parte da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020− é estimular o espírito científico entre o alumnado galego ao tempo que impulsa as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico. Entre os 10 centros de nova incorporación neste curso atópase o IES Maximino Romero de Lema, de Baio. As actividades desenvolveranse fóra do horario lectivo do alumnado nos espazos que se consideren ou habiliten no centro docente.