O director do Igape, Fernando Guldrís, presentou no Parlamento galego, as directrices dos orzamentos para 2021 do departamento que dirixe. En total o Igape contará con máis de 262,5 M€ -o dobre que en 2020- para dotar ás empresas galegas das ferramentas necesarias para manter o emprego e sentar as bases dun crecemento económico sostido no tempo.
Guldrís explicou que con estes orzamentos búscase facer fronte ás consecuencias económicas da pandemia e seguir adiante coa transformación e modernización industrial e empresarial de Galicia, apostando por un modelo con capacidade para afrontar as dificultades pero tamén para identificar e aproveitar novas oportunidades. Deste xeito, o Igape apoiará sectores estratéxicos, pero tamén novos sectores que apostan pola dixitalización, a tecnoloxía e a innovación, ademais da internacionalización e a mellora da competitividade.
O Igape reservará 187 M€ á transformación industrial e empresarial de Galicia a través do apoio ao seu financiamento, que se multiplica por tres con respecto ao actual orzamento. Neste eido destacan dous novos fondos financeiros con 60 M€ coordinados por XesGalicia para apoiar grandes proxectos con efecto tractor sobre pemes e autónomos, así como a transformación do tecido produtivo, co foco posto nos sectores que precisen reinventarse; activaranse préstamos por 32 M€ e destinaranse 17,2 M€ para apoiar o investimento produtivo a fondo perdido.