O incendio de Trabada arrasou xa máis de 1.200 hectáreas, segundo os últimos cálculos facilitados pola Consellería do Medio Rural. O principal problema é o forte vento, con refachos superiores a 80 quilómetros por hora e que mesmo impediu que engalasen os equipos aéreos que non puideron traballar en toda a mañá do venres.
O incendio, que afecta tamén o concello veciño de Ribadeo, obrigou a cortar ao tráfico a autovía do Cantábrico (A-8), como consecuencia do fume e das cinzas en suspensión que provocou o lume e que dificulta moito a visibilidade para os usuarios da vía. Segundo a información facilitada pola Dirección Xeral de Tráfico, a autovía quedou cortada totalmente ao tráfico, en ambos os sentidos da circulación, ao redor das cinco e media da pasada madrugada e non foi ata as catro da tarde que se recuperou o tráfico.
En concreto, a vía estivo cortada á altura da Preixoana, entre os quilómetros 508 e 516. Axentes da Garda Civil de Tráfico desviaron os condutores nas rotondas de acceso para que transitasen pola estrada nacional. Este incendio obrigou a Consellería do Medio Rural a declarar a situación 2 de alerta no municipio de Trabada, como consecuencia da proximidade do lume a núcleos de poboación, en concreto aos de Barreiros, Vidal e Penacova. Os servizos de extinción seguen traballando, de momento non hai casas afectadas nin tampouco houbo que lamentar danos persoais.