- Os hábitos dos usuarios mudaron moi rápido, e as empresas conseguiron potenciar as infraestruturas para facer fronte ás novas demandas
Durante os últimos meses constatouse no noso país como as novas tecnoloxías e o uso das telecomunicacións creceu de xeito abrumador debido, sobre todo, á pandemia da Covid-19.
Aumentaron as visitas ás webs, os clics e as compras multiplicáronse e a cousa «non vai quedar aquí», sinalan desde a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Os hábitos dos e das usuarias, no que se refire ao uso das novas tecnoloxías, mudaron considerablemente nun período moi breve de tempo, polo que o investimento nas infraestruturas de telecomunicacións foi vital para que as empresas e os fogares galegos se revitalizaran.
«Sen unha infraestrutura axeitada este enorme aumento no uso das telecomunicacións non sería posible, sendo moitas as potenciais problemáticas derivadas dunha rede incapaz de soportar ese volume de tráfico», destacan desde a UCGAL.
España ocupa o primeiro posto de Europa en cobertura e clientes de fibra óptica: nove de cada dez españois ten acceso a Internet e tres de cada catro fogares contan con cobertura de fibra óptica. Segundo datos do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, no verán de 2019, as redes de banda larga ultra rápidas chegaban ao 83,6% da poboación. A isto hai que engadir que a banda larga, fixa e móbil, contrátase principalmente en paquetes de servizos, sendo a oferta converxente de catro servizos a máis consumida (telefonía fixa, telefonía móbil, banda longa fixa e banda longa móbil) e a de cinco servizos –que engade televisión- a que máis crece en contratacións. Estes datos van unidos á aposta dos operadores por investir en infraestruturas como forma de gañar e fidelizar clientes.
Recentemente, a UCGAL presentou o décimo oitavo estudo que avalía a calidade dos operadores de telecomunicacións en base aos datos da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETID) e aos de reclamacións da Oficina de Atención aos Usuarios das Telecomunicacións (OAUTEL).
«Resulta significativo que, tras tantas edicións, o operador que presta o servizo universal siga sobresaíndo por riba dos demais en termos de calidade», sinalan desde a entidade. Esta iteración, que de seguir así podería chegar ás dúas décadas, proba que a aposta de Movistar polo desenvolvemento da súa rede, o investimento en infraestruturas e na atención ao cliente foi acertada, permitíndolle destacar sobre a competencia, fidelizar clientes e captar novos/as usuarios/as.