O Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) acollerá o luns a cuarta edición do Gastroforum, o foro formativo organizado pola Consellería de Cultura e Turismo que, co título Gastronomía con propósito, afondará este ano nas claves da xestión sustentable aplicada á gastronomía. Estas xornadas, abertas a estudantes e membros do sector, manteñen aberto o prazo de inscrición gratuíta e contará con recoñecidos profesionais en mesas de debate e obradoiros.
Papel da muller
A xornada dará comezo o luns ás 10,15 horas co acto de inauguración ao que lle seguirá a mesa redonda Responsabilidade da cadea alimentaria. Desenvolvemento dun modelo de xestión sustentable para evitar a carestía de recursos. Celebrarase a continuación un obradoiro sobre a aplicación da creatividade para xestionar a biodiversidade e a xornada da mañá rematará coas mesas redondas A gastronomía cociña o cambio social e A evolución da hostalería cara un modelo horizontal.
Pola tarde terá lugar un obradoiro de cociña impartido pola chef Lucía Freitas, baixo o título A cociña das avoas, un legado de boas prácticas cara un modelo sustentable. O cuarto Gastroforum rematará cunha actividade retrospectiva sobre o papel da muller na cociña que incluirá unha homenaxe a Lucía Freitas, que vén de recibir a súa primeira Estrella Michelín e que este ano celebra o décimo aniversario do seu restaurante A Tafona.
A partir destes obradoiros e mesas redondas, esta nova edición do Gastroforum pretende promover así a importancia da gastronomía como un axente clave para a evolución do destino galego cara a excelencia, afondando na necesidade de levar a cabo un modelo de xestión sustentable dos recursos, sabendo actualizar a tradición culinaria.
A inscrición no cuarto Gastroforum é gratuíta, con aforo limitado. Os interesados en participar nas diferentes sesións poden cursar a súa solicitude a través da páxina web do Centro Superior de Hostelería de Galicia.
