O monte galego xa ardeu máis en tres meses que en todo 2018

1 minutes read

O incendio de Dodro e Rianxo dispara o balance de 2019

A información que vén de ser divulgada polo Ministerio de Agricultura a partir das cifras fornecidas polas comunidades autónomas indica que o pasado ano arderon nos montes galegos un total de 2.618,09 hectáreas. Son apenas 600 máis que no que ata agora era o ano coa superficie ardida máis baixa da serie, o 2014. E, obviamente, moitas menos que as case 62.000 que arderon en 2017, unhas 50.000 delas na gran vaga de incendios de outubro de aquel ano.

Tras o que polo momento é unha paréntese, o monte galego rematou o primeiro trimestre de 2019 regresando á senda habitual. O balance provisional disparouse de vez co incendio declarado a finais de marzo nos concellos de Dodro e Rianxo, que coas súas 1.162 hectáreas de monte queimado nunha zona con abondosas plantacións de eucaliptos tornou no primeiro gran incendio forestal do ano, cualificación que tecnicamente só teñen os incendios superiores a 500 hectáreas e que durante 2018 non se rexistrara en ningún punto de Galicia.