
Veciños e usuarios da Praia de Razo están fartos dos problemas que lles provocan a eles e ao medio ambiente a proliferación incontrolada e indiscriminada do turismo de caravana, principalmente no monte Peados e na zona do campo de fútbol.
Comprobamos que hai caravanas que levan máis dunha semana instaladas no lugar, algo que está terminantemente prohibido e máis se cabe cando falamos dunha zona incluída na Rede Natura -no seu día moi castigada tamén pola construción irregular-.
O vídeo que puidemos gravar este xoves fala por si só, feces, compresas, papeis e todo tipo de lixo fai intransitable a zona do monte Peados á praia e ás dunas.
Consultados os beneficios que carrexan este tipo de turistas a Razo, este resulta ser nulo. «Na hostalería da praia nin comen, nin beben nin consomen nos supermercados. Simplemente nalgúns casos usan os baños e cargan os móbiles ou ordenadores», afirman os donos dalgúns dos locais.
Por iso, uns e outros están en pé de guerra, tentando que se poña coto a este tipo de prácticas cunha vixilancia acorde aos danos que ocasionan, a mala imaxe que provocan e un problema ecolóxico e de salubridade que están a causar. «Co vento o papel hixiénico voa indiscriminadamente cara á esplanada, os nenos ou a zona habilitada para os bañistas, que se atopa máis abaixo».
Os veciños e afectados afirman que a poucos quilómetros existen zonas perfectamente habilitadas para este tipo de turismo e mesmo cámpings con todos os servizos. «Agora claro, élles máis cómodo e barato estar varios días en primeira liña de praia, mirando ao mar e facendo as súas necesidades a pé de monte», conclúen.