O obxectivo fundamental deste proxecto é a sinalización e mellora da seguridade do Monte Pindo coa finalidade de evitar situacións de visitantes que se extravían nesa contorna, mais tamén a mellora da calidade turística do espazo. «Temos que ter en conta que o Monte Pindo é un recurso de primeira orde tanto da provincia como de toda Galiza, cunha compoñente xeolóxica moi potente e cunha tradición oral e unha mitoloxía riquísimas, que cómpre ordenar e poñer en valor como un produto turístico de cara a configurar paquetes e comercializalos no mercado» asegurou o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, tras manter unha xuntanza co alcalde e a técnica de Turismo de Carnota, Juan Manuel Saborido e María Lago, e o deputado provincial e alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño.
O proxecto inicial presentado polos tres concellos está tecnicamente moi ben deseñado, recollendo a localización dos servizos e mesmo incluíndo propostas de contidos para a web e indicacións con innovacións para a mellora dos percorridos. Neste sentido, o vicepresidente indicou que tras este traballo inicial se estudará a posibilidade de introducir parámetros que incrementen a calidade da experiencia de destino, a seguridade do visitante, e que permita xerar ingresos destinados a protexer e ordenar o acceso a este espazo natural.