O Nadal Pequespectacular completa unha programación lúdica e cultural en Carballo

2 minutes read

A rapazada carballesa vai estar moi entretida durante as vacacións de Nadal cunha oferta de espectáculos infantís, obradoiros, xogos e animación de rúa. Este martes presentouse un dos pratos fortes da programación: o Nadal Pequespectacular, tres espectáculos para os cales xa podes mercar as túas entradas de xeito anticipado en billeteira.carballo.gal ou agardar ao mesmo día da función e adquirilas no Pazo da Cultura. Este ano a proposta da Concellaría de Cultura tráenos maxia, teatro e música.

Despois da fin de semana de Noiteboa e Nadal, as concellarías de Igualdade, Mocidade e Feiras e Mercados xuntan forzas tamén para dinamizar o mercado municipal con actividades infantís e xuvenís que contribúan á conciliación familiar e que supoñan, ademais, unha oportunidade para traballar en igualdade, solidariedade e promoción do xoguete non sexista dende unha perspectiva lúdica. Do 26 de decembro ao 5 de xaneiro, de martes a venres polas mañás, haberá talleres de cociña e moitas outras actividades para nenos e nenas de 6 a 12 anos. En total contaremos con 72 prazas, que xa están cubertas.

Este ano incorpórase á programación unha actividade para mozos e mozas maiores de 15 anos. Cambio climático no pratoé unha iniciativa do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que se desenvolverá o día 22, de 17.00 a 19.00 horas, no mercado municipal, e a que contará co cociñeiro Alejandro Iglesias, do Restaurante Cabanas, para dirixir un obradoiro de cociña sustentable. O prazo de inscrición está aberto xa no enderezo electrónico comunicacion@carballo.gal.

Xa no 2024 despedirase o Ano do Xestal coincidindo co 31 cabodano de Carlos Díaz, o 4 de xaneiro. Arredor da exposición O Xestal, unha vida de conto, que está aberta no Pazo da Cultura, desenvolveranse dúas actividades: unha visita guiada o xoves 28 de decembro, ás 17.00 horas.

E o día 5 de xaneiro pola tarde chegará a outra gran cita das vacacións: a cabalgata de Reis! Con saída ás 17.00 horas e o percorrido polas zonas habituais, e a tradicional recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar na casa do concello.