O novo Plan Catedrais blindará a conservación e rehabilitación das cinco galegas

1 minutes read

O novo Plan Catedrais que prepara a Xunta blindará o mantemento e conservación destes cinco grandes templos galegos no horizonte do Xacobeo 2027 para dar continuidade ao esforzo inversor dos últimos anos coa intención de seguir preservando o patrimonio. Así o avanzou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nunha visita á Catedral de Mondoñedo onde anunciou un primer investimento de máis de 300.000 euros para a restauración do conxunto mural do presbiterio e nave central.

Como explicou o conselleiro, que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, este Plan será unha “útil ferramenta” que reforzará a planificación e marcará a folla de ruta dos vindeiros anos. Román Rodríguez sinalou como punto de partida a Catedral de Santiago onde, grazas aos traballos de rehabilitación coordinados e aos esforzos conxuntos, “reestreouse” este 2021 nas mellores condicións para a década xacobea.

“Seguirémola coidando -afirmou Román Rodríguez-, pero agora queremos centrar tamén as nosas actuacións no resto de catedrais galegas poñendo outro horizonte temporal, o Ano Santo 2027 para seguir recuperando o noso patrimonio vinculado ao Camiño de Santiago”.

O Plan Catedrais está neste momento en elaboración, en diálogo coas distintas dioceses, coa previsión de aprobalo esta primavera, dirixido fundamentalmente aos templos matrices de Lugo, Ourense, Tui e Mondoñedo co fin de “protexer e valorizar o patrimonio como un elemento de desenvolvemento económico e emocional”. Trátase dunha actuación que beneficiará ás catro provincias e que actuará en bens que suman máis de 4.500 anos de historia, todas elas está vinculadas ao Camiño de Santiago. De feito, tres delas están incluídas na declaración de Patrimonio Mundial da Unesco.