Nun desastroso partido dos de Moncho Fernández, o Monbus Obradoiro saía derrotado do Palau municipal désports de Badalona por 101 a 77. Mal no táctico, peor en defensa e cunha nefasta porcentaxe de acerto no tiro exterior. Se a isto lle engadimos 7 tiros libres errados e numerosas perdas de balón, a reaparición das pantasmas de Zaragoza no xogo do equipo galego foi un feito.
Avisaba o adestrador de Pontepedriña na previa da importancia de defender ben os perigosos un contra un do rival, predicando no deserto pois, precisamente por aí foi por onde correu o caudal anotador da penya. Penetracións directas polo carril central con moito éxito que cando eran tapadas, acababan co balón dobrado para os exteriores que esnaquizaron a defensa obradoirista a base de triplos. Moi preto do 50% en tiros de tres e por encima deste no tiro de dous. A pesar de todo, empezaba o Obra moi ben, parcial de 0-7, ao que responderon os verdinegros con outro de 17-4, acabando o primeiro cuarto cun axustado 19-18. Contando ademais coa “anécdota” do parón de 10 minutos cando restaban 30 segundos para acabar este primeiro cuarto, por un desaxuste no cronómetro.
No segundo cuarto a penya seguía ao seu. Penetracións e triplas ao que lle engadiamos o rebote ofensivo, demasiado castigo para un fráxil Obradoiro. Anotaba o Joventut 16 puntos en apenas 5 minutos. Unicamente Kravic, máximo anotador do partido con 24 puntos, 9 rebotes, para completar 30 de valoración, sostiña aos visitantes. Acabando o segundo cuarto con 45-38, mellor do que cabía esperar.
Tras o descanso e lonxe de cambiar a dinámica do encontro, o equipo verdinegro conseguía un parcial de 10-0. Moncho Fernández pedía tempo morto para tratar de salvar a cara ao partido. Fin do terceiro cuarto con 74-57, 17 puntos de diferenza que se antollaban case definitivo. Aínda así, Obradoiro seguiu tentándoo.
Kravic seguía xogando ben e sumábase Brodziansky, que empezaba a funcionar. Tamén Calloway, aínda rengueante da súa lesión, quen estivera realmente mal, empezaba a achegar. Poñíanse os de Santiago a 9 puntos, 83-74 no minuto 35 e había esperanza de remontada. Foi un espellismo, nun dicir amén Prepelic anotaba 2 triplos seguidos. Uníaselle outro triplo de López- Arostegui e no luminoso, en apenas uns instantes, 92-75. Todo visto para sentenza, incluso Omic uniuse ao festival de triplos anotando un inverosímil.
Moncho Fernández vía a súa segunda técnica e marchábase a vestiarios. Obradoiro non só non era capaz de maquillar o resultado, senón tamén vía como este despegaba ata o 101-77 final. Os xogadores verdinegros puideron dedicarlle a vitoria ao seu compañeiro Dawson, recentemente lesionado de longa duración. Próxima estación, Baskonia en Sar, onde xa poderemos ver á nova fichaxe do Obra o barcelonista Aleix Font. Xogador novo e de gran talento, de quen se espera poida axudar co seu xogo.
Dorme o Obradoiro na última posición da táboa clasificatoria con 2 vitorias e 5 derrotas, iso si, mesma bagaxe que Real Betis, Manresa e Fuenlabrada. Moita tea que cortar aínda, pero toca gañar canto antes. Este próximo domingo preséntase unha nova ocasión a tal fin.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO