O Obradoiro certificou matematicamente a salvación en Badalona

Cedida.

Despois do cruel castigo que supuxo a derrota ante o Real Madrid do pasado domingo, por un só punto e tras canastra in extremis dun ex abonado de Obradoiro como Abalde, os deuses do baloncesto deron aos galegos unha nova oportunidade de salvarse. E esta vez a moeda saíu cara. Foi en Badalona e tras un excelso partido ante un equipazo chamado Joventut, que se xogaba o conseguir factor campo nun playoff para o que xa está clasificado. Resultado final, 78 a 84, en encontro disputado o pasado mércores no Olímpic de Badalona ante máis de 9.000 afeccionados.

Arrincaba o partido con intercambio de canastras. Robertson (15 puntos, 1 rebote, 5 asistencias e 20 de valoración) anotaba un triplo no minuto 3:50 e adiantaba aos santiagueses, 7-8. Aínda así, os verdinegros mantiñan a igualdade, minuto 6 e 12-11 no luminoso, co protagonismo dun sensacional Derek Willis (15 puntos, 10 rebotes, 2 asistencias e 23 de valoración), destacando nos contrataques da penya. O partido entraba nun vaivén de vantaxes curtas para un e outro lado. Obradoiro volve adiantar 12-13. Robertson penetraba para aumentar a distancia e atopábase cun soberano tapón que se traduce en novo contrataque e 14-13 para os locais, minuto 6:25. A pesar de todo, o cuarto finalizaba cos visitantes mandando por catro puntos, 18-22 no marcador.

O segundo cuarto comezaba de maneira fulminante para os verdinegros, mate espectacular dun canteirán de 19 aniños chamado Maronka (4 puntos, 1 rebote, 1 asistencia e 4 de valoración) e o partido en táboas, 22-22. Tan só discorreran 55 segundos do inicio do novo acto. Con todo, era o momento dun tal Laurynas Birutis (20 puntos, 4 rebotes, 2 asistencias e 21 de valoración), quen asumía galóns e impoñía a súa lei na pintura, anotando con facilidade, 26-31 no minuto 15. Vantaxe que chegaría aos 10 puntos cando Hobbs (10 puntos, 6 rebotes, 3 asistencias e 13 de valoración) desde o perímetro uníase á festa, establecendo o 28-38 no minuto 17. Vantaxe que aumentaba de novo o lituano coa súa canastra a 1:26 do descanso, 32-43 e tiro adicional. Finalmente, a vantaxe sería de 7 puntos, tras triplo de Bassas (11 puntos, 4 rebotes, 3 asistencias e 15 de valoración) establecendo o 37-45 no luminoso e ambas as escuadras enfilando o túnel de vestiarios. Tras o descanso, a Penya saíu enchufada e con ganas, sendo este terceiro acto o mellor no seu haber.

A pesar de que o cuarto comezou con Obradoiro aumentando a súa vantaxe ata os 12 puntos, no minuto 23, a terceira falta persoal do pivote lituano cambiou o panorama de forma radical. Xurdiu a figura de, un desaparecido ata entón e rexurdido das súas cinzas cuán ave fénix, MVP #Ante Tomic (18 puntos, 8 rebotes, 4 asistencias e 30 de valoración). Acompañoulle Parra (13 puntos, 8 rebotes, 1 asistencia e 18 de valoración) e entre os dous comandaron a reacción local cun parcial de 17-5, apontoando as táboas na marcadora de puntos, 54-54 a 2 minutos para acabar o acto. Triplo de Suarez, dos que son importantes e Obradoiro se rearmaba, 54-59 no minuto 29. Para acabar o peligrosísimo terceiro cuarto e a reacción verdinegra cun ajustadísimo 58-61, onde seguían por diante os galegos. O último cuarto comezaba cun Ellenson (11 puntos, 7 rebotes, 1 asistencia e 17 de valoración) en modo apisoadora e estirando a vantaxe dos composteláns. En apenas 2 minutos, Obradoiro aumentaba a diferenza en 8 puntos cun 58-66. Porfiaban os visitantes e Ellenson de novo poñía os 9 de vantaxe, tras canastra no minuto 4:49, 65-74. Aí, os de Carles Duran reaccionaron con caste. Axustaron o seu defensa e achegáronse no marcador perigosamente, agarrándose ao partido como lapas e poñéndose a tan só un punto de distancia, 73-74 con 3 minutos por xogarse. Coas espadas no alto, apareceu un dos sospeitosos habituais, a quen non lle treme o pulso e quen, coas “bólas que queiman”, pide o balón. Era o momento de Philip Scrubb (7 puntos, 1 rebote, 1 asistencia e 7 de valoración), fundamental no momento clave anotando 5 puntos que daban aire aos galegos para enfilar os 2 minutos finais con 6 de vantaxe, 73-79.
Joventut víase sen marxe nin tempo e empezou a xogar aloucadamente. Obradoiro, responsable do moito que se xogaba, amornou os nervios e maniató a Joventut, sacando rédito da situación. De aí ao final entre o outro Scrubb, Thomas, e Birutis deron a puntilla aos de Badalona. Resultado final, 78-84 e os galegos, un ano máis, SALVADOS. O final do partido e co equipo visitante xa no vestiario, converteuse nunha festa.

Os xogadores e corpo técnico festexaron o fin de curso co obxectivo conseguido, tras unha tempada que mostrou serias dúbidas nalgúns momentos da mesma. Aínda que Obradoiro soubo refacerse e asinar un final de liga espectacular e en moi boa forma. De saír cara nos moitos encontros que saíron cruz nos momentos decisivos, estariamos a falar dun club de playoff. Aínda así, Obradoiro fixo os deberes e certifica matematicamente un ano máis na elite, en ACB. A segunda mellor liga do mundo, tras a NBA. Parabéns e a celebrar todo o Obradoirismo. Próxima estación, Valencia, en Santiago. Nun partido en xornada unificada onde, aínda que non se xoga nada o equipo local, se hai que demostrar profesionalidade e encaralo con seriedade. Polo ben da competición, o seu rigor e o respecto a quen se xoga algo nel. Algún que outro veciño debería tomar boa nota disto e non ir de excursión a segundo que canchas. Pero arrieros somos…

Alejandro Luis Otero Jamardo