O padrón municipal de Vigo rexistra 140 altas de media ao día


As oficinas do padrón atenden diariamente unha media de 220-250 persoas de forma presencial, das que menos da metade acoden con cita previa. Con todo, o persoal municipal atende a tódalas persoas ao longo da mañá, tal e como apuntou Caballero, xa que seguen tramitando as peticións cidadás de xeito que non quede ninguén por atender “e isto seguramente é único en España”.

O alcalde puxo en valor o servizo do Padrón que funciona “extraordinariamente ben dado o nivel de atención que se require” e que, cada día, dá altas, emite certificados, cambios de domicilio, baixas por defunción e expiden documentos a organismos públicos especialmente para Facenda e os xulgados. Sinalou tamén que todas as persoas que teñan unha necesidade urxente poden enviar un correo electrónico a ofi.estadística@vigo.org explicando o trámite que precisan e son atendidas nun período medio de 5 días. Algunhas veces as actuacións inícianse a través do 010.

O padrón municipal rexistraba este 26 de xaneiro, 301.609 habitantes. O 18 deste mes a cifra era de 300.809 habitantes, polo que se produciron 800 altas en 5 días e medio. A media diaria de altas de empadroamento sitúase en 140 e, do 1 de xaneiro de 2022 ao 1 de xaneiro de 2023, rexistráronse 12.534 altas. Do 1 de xaneiro de 2022 ao 1 de xaneiro de 2023, estadística realizou un total de 52.545 movementos “un nivel de atención moi importante, con 140 altas diarias”, apuntou o rexedor.