Paiosaco e Rápido de Bouzas empataron un partido que se desequilibrou por un erro de Barro. O central bateu involuntariamente a Dani Moreno cando aínda non se cumprira o primeiro cuarto de hora. Cando parecía que o Rápido tiña controlado o partido, Fer Gordo, na segunda metade, cabeceou o que sería o empate definitivo. O partido acabou con trece tarxetas, incluídas as dúas que viu Diego Armando García, o técnico do equipo local. O partido tiña o aliciente de ver o enfrontamento entre os dous máximos anotadores, Dani Carnota e Cellerino, pero ningún dos dous conseguiu anotar neste encontro.
Pola súa banda o Bergatiños sacou petróleo dun partido que se lle puxo moi complicado por un gol temperán do Betanzos, que por medio de Juan de Dora adiantou ao conxunto local de Noé López, resultado co que se chegaría ao descanso. Tras a continuación o equipo carballés non se amedrentou e no minuto oito chegaba o empate tras un cabezazo de Pablo Longo. O asturiano estaba de sorte e fixo un dobrete novamente de cabeza no minuto 75 tras un saque de esquina milimétrico de Manu Núñez. Desta forma deulle os tres puntos a un equipo de Secho que viu o partido na bancada do García Hermanos ao estar sancionado. O Betanzos tentouno nos minutos finais, pero as condicións meteorolóxicas complicaron a circulación do balón e xa non habería tempo para máis, 1-2. O Bergantiños xa é provisionalmente segundo na xeral, acariñando a cima da clasificación da 3ª RFEF.