O Parlamento Europeo votou este mércores a favor de remitir o polémico acordo de libre comercio da Unión Europea (UE) co Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai) ao Tribunal de Xustiza da Unión (TXUE), para que revise se é compatible cos tratados comunitarios, o que supón paralizar a súa efectividade ata que os xuíces se pronuncien. Esta medida podería atrasar ata dous anos a entrada en vigor o maior pacto comercial da historia da UE, asinado o sábado cos membros do bloque suramericano tras máis dun cuarto de século de negociacións. En concreto, a Eurocámara deu luz verde, por 334 votos a favor, 324 en contra e once abstencións, a unha moción que cuestiona se o acordo respecta os tratados da Unión.
O agro galego celebra a paralización do acordo. En Lugo, gandeiros e agricultores reuniranse e todo apunta a que desconvocarán a tractorada, pero advirten que seguirán coas protestas en defensa do rural. «Estamos contentos», dicía Santiago Rego, presidente de Gandeiros Galegos da Suprema, «pero hai que seguir loitando, e a ver se ao final impera o sentido común e non se asina o tratado».