O BNG acadou o acordo unánime de resolución do Parlamento galego para organizar unha homenaxe ás vítimas galegas do franquismo, contando coa participación das asociacións de memoria histórica e as vítimas, e un acto de homenaxe á figura de Alexandre Bóveda, en recoñecemento á súa esencial participación no impulso e aprobación do Estatuto do 36 e aos valores de compromiso na defensa de Galicia e concordia expresados por Bóveda.
A iniciativa nacionalista defendida polo deputado Luís Bará incluía tamén a institucionalización do Día da Galiza Mártir, o 17 de agosto, como data de homenaxe e lembranza a todas as vítimas do fascismo franquista, mais, segundo recalcou, co obxectivo de acadar un acordo que representa un paso adiante importante ao posibilitar a homenaxe do Parlamento galego ás vítimas e á figura que mellor as simboliza, Alexandre Bóveda, o BNG deixa para outra ocasión a segunda cuestión.