O Parque Nacional das Illas Atlánticas colabora nun proxecto de seguimento de aves migratorias


O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia acolleu o pasado mes de setembro a un grupo de voluntarios que participan nun ambicioso proxecto de seguimento da migración das aves procedentes do norte e do centro de Europa no seu percorrido cara a lugares máis cálidos. Por sexto ano consecutivo, a dirección do parque colabora nesta iniciativa, que se leva a cabo grazas ao programa de voluntariado do Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN) e na que xa teñen participado ata o momento unhas 90 persoas.

Aínda que os arquipélagos das Illas Atlánticas son principalmente coñecidos pola súa importancia para as aves mariñas, o seu papel na migración das especies paseriformes (comunmente coñecidas como paxaros) ten sido menos estudiado.

Por este motivo, o Grupo Ibérico de Anelamento co apoio e colaboración da dirección do Parque Nacional decidiu poñer en marcha este proxecto de seguimento cun dobre obxectivo. Por unha banda, desvelar a importancia das illas de Cíes e de Ons como puntos estratéxicos de aprovisionamento de enerxía para os paxaros durante o chamado paso postnupcial, e pola outra, contribuír ao monitoreo da migración destas aves a escala global.

De feito, grazas aos seis anos de traballo deste programa logrouse obter información clave para valorar e constatar a importancia das Illas Atlánticas como zona de refuxio e aprovisionamento para as aves na súa ruta migratoria e recompilar datos que sirvan para avaliar a incidencia do cambio climático sobre a súa migración nas nosas latitudes.