O Plan Emega está destinado a apoiar a posta en marcha e a reactivación de proxectos empresariais desenvolvidos por mulleres. Trátase de fomentar o emprendemento feminino e impulsar outras medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e servizos de asesoramento cos que facilitar a implantación e a consolidación de proxectos liderados por mulleres.
Coas axudas deste ano, a Administración autonómica apoia 197 iniciativas empresariais de mulleres, o que permite a creación ou mantemento de 324 postos de traballo. A resolución destas axudas publicarase mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG).
O programa consolídase como unha medida para promocionar a participación das mulleres no mercado de traballo e aproveitar o seu potencial para crear novas oportunidades de negocio. A finalidade última é que aquelas mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo.
A Consellería de Emprego e Igualdade destinou este ano 2.120.000 euros a esta actuación, que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, a través do programa operativo do FSE Galicia 2014-2020. O investimento inclúe a liña complementaria para apoiar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar.