A Consellería do Medio Rural repartirá entre os concellos galegos máis de 14 millóns de euros a través do Plan Marco para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022. Isto supón que se incrementará en case un 20% a asignación económica total para estas subvencións, con respecto á convocatoria anterior. A orde de axudas sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) este mes de xaneiro e os municipios terán un mes de prazo para solicitalas.
Por provincias, o orzamento repartirase do seguinte xeito: 4,3 millóns de euros irán para A Coruña, 3,6 millóns para Lugo, 3,4 millóns de euros para Ourense e 2,8 millóns para Pontevedra. Para chegar a todos os concellos, establecéronse uns criterios de distribución previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), en base a indicadores obxectivos, a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie do concello, ao peso do agro no municipio e ao grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevese un incremento do 50% para os concellos fusionados.
O obxectivo do plan é mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais mediante o acondicionamento das súas principais vías de comunicación. Así, estes camiños melloran o acceso ás 30.000 entidades de poboación nas que se asintan as vivendas da poboación rural e supoñen as canles de entrada e saída das producións agrarias que precisan os negocios desta contorna. Por iso, a Xunta quere facilitar con estas actuacións a accesibilidade e vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo ao contribuír á mellora da capacidade organizativa destas áreas rurais.