Carballo, o concello que máis fondos recibe do POS+.
A Deputación da Coruña inicia o exercicio 2026 cun investimento de 15.250.837,43 euros nos concellos da comarca de Bergantiños a través do Plan Único (POS+2026), que beneficiará aos 16 municipios do territorio.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a deputada de Plans, Cristina García, visitaron este xoves o Concello de Carballo, onde foron recibidos polo alcalde, Daniel Pérez, e o vicepresidente provincial e concelleiro na localidade, Xosé Regueira. A visita serviu para facer balance do impacto do Plan Único no municipio anfitrión e no conxunto da comarca.
Formoso destacou que o POS+ tense consolidado como o principal instrumento de cooperación económica cos concellos, permitindo que cada municipio decida con plena autonomía o destino dos fondos, xa sexa para financiar obras, reforzar servizos municipais ou impulsar políticas sociais. «Falamos de investimentos en abastecemento e saneamento, mellora de estradas e espazos públicos, iluminación, equipamentos ou servizos básicos, pero tamén de garantir o funcionamento diario dos servizos municipais e atender ás persoas que máis o precisan», afirmou.
O presidente subliñou tamén o impacto económico e laboral deste esforzo inversor. O Plan Único non só mellora infraestruturas e servizos, senón que actúa como un motor de actividade económica no territorio, xerando emprego nas empresas locais de construción, servizos e subministracións, fixando poboación e «contribuíndo á dinamización da economía das nosas vilas e concellos», sinalou o presidente, que lembrou que cada millón de euros investido en obras apoia o mantemento ou creación de 17 empregos.
Formoso lembrou ademais que o investimento do Plan Único só nos concellos da provincia «chegou á cantidade récord de 138 millóns o ano pasado, superando en 20 millóns ao que a Xunta de Galicia destina ao todos os municipios galegos» e reiterou a necesidade de incrementar ata un mínimo de 200 millóns de euros o Fondo Galego de Cooperación Local.
Carballo, o concello que máis fondos recibe do POS+
Desde a súa creación en 2017, o Plan Único leva mobilizados 150.617.016,01 euros nos concellos de Bergantiños e Costa da Morte, cos que se financiaron 764 obras e numerosos servizos municipais e programas sociais.
Carballo é, ademais, o concello que maior financiamento recibe do Plan Único en toda a provincia da Coruña: 2,4 millóns de euros iniciais este ano e preto de 25 millóns acumulados. Formoso explicou que a distribución dos fondos realízase en base a criterios obxectivos e transparentes, como a poboación, a superficie do termo municipal, o número de parroquias ou o esforzo fiscal de cada concello. «A propia configuración territorial e demográfica de Carballo fai que sexa o municipio que maior achega recibe dos 93 da provincia, o que demostra que o POS+ non responde a decisións políticas ou discrecionais, senón a un sistema xusto que garante un reparto equitativo dos recursos», sinalou o presidente
A deputada de Plans, Cristina García, subliñou que o POS+ «da total autonomía aos concellos», un feito diferencial respecto dos «plans finalistas, eses que chegaban desde arriba con proxectos xá decididos. Nós apostamos por unha autonomía municipal real».
Por outra banda, a deputada enfatizou que o Plan Unico lles permite «subsistir» aos municipios «nun momento no que o sistema de financiamento está a piques de colapsar, no que aos concellos cada vez lles custa máis manter servizos ou incluso confeccionar os seus propios orzamentos con garantías». García incidiu tamén no impacto económico do plan como xerador de emprego e actividade económica para as empresas grazas ao seu elevado investimento.
Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, incidiu tamén en como o actual sistema de financiamento limita a capacidade inversora dos municipios. «Asumimos moitas competencias impropias, como o servizo de axuda no fogar», afirmou o rexedor, que apuntou que fronte á discrecionalidade no reparto de fondos doutros sistemas, «o Plan Único dalle a cada concello o que lle corresponde».
Pérez destacou que Carballo destinará este ano boa parte do POS+ a gasto corrente e que os investimentos céntranse sobre todo en mellorar servizos básicos no rural. Neste sentido, repasou algunhas das obras de mellora de redes de saneamento, abastecemento ou camiños municipais levadas a cabo en lugares e parroquias do municipio como Goiáns, Artes, Ardende ou Rus financiadas co Plan Único da Deputación.
Ao remate da visita ao Concello, visitaron as obras – xa rematadas- do acondicionamento do campo da festa de Artes, no contorno da igrexa, que supuxo un investimento de preto de 150.000 euros. A actuación transformou un terreo en malas condicións, con desniveis e problemas de drenaxe, nunha gran praza pública adecuada para eventos e uso veciñal. Ademáis da urbanización branda do espazo e instalación de mobiliario urbano e xardínería, as obras incluiron a dotación de servizos básicos como a nova rede de abastecemento de auga ou a canalización para o soterramento da rede eléctrica.

O presidente da Deputación, o alcalde de Carballo e a deputada visitaron as obras do renovado campo da feira de Artes, financiadas polo POS+ en Carballo.
Investimentos do Plan Único na Costa da Morte
Cabana de Bergantiños
POS+ 2026: 838.427,28 €
Total 2017-2026: 8.503.112,81 €
Número de obras: 40
Camariñas
POS+ 2026: 623.379,44 €
Total 2017-2026: 6.437.529,04 €
Número de obras: 39
Carballo
POS+ 2026: 2.466.262,75 €
Total 2017-2026: 24.738.757,47 €
Número de obras: 55
Cee
POS+ 2026: 782.490,93 €
Total 2017-2026: 7.177.957,60 €
Número de obras: 57
Cerceda
POS+ 2026: 895.559,33 €
Total 2017-2026: 9.366.165,24 €
Número de obras: 64
Corcubión
POS+ 2026: 256.737,55 €
Total 2017-2026: 2.411.277,67 €
Número de obras: 25
Coristanco
POS+ 2026: 1.136.650,09 €
Total 2017-2026: 11.312.555,21 €
Número de obras: 38
Dumbría
POS+ 2026: 861.376,75 €
Total 2017-2026: 8.808.809,64 €
Número de obras: 59
Fisterra
POS+ 2026: 496.556,14 €
Total 2017-2026: 4.967.103,05 €
Número de obras: 38
A Laracha
POS+ 2026: 1.301.895,66 €
Total 2017-2026: 13.243.727,05 €
Número de obras: 74
Laxe
POS+ 2026: 494.240,11 €
Total 2017-2026: 4.786.152,68 €
Número de obras: 29
Malpica de Bergantiños
POS+ 2026: 709.891,90 €
Total 2017-2026: 6.890.981,10 €
Número de obras: 49
Muxía
POS+ 2026: 999.530,35 €
Total 2017-2026: 9.458.798,80 €
Número de obras: 53
Ponteceso
POS+ 2026: 925.351,10 €
Total 2017-2026: 8.964.008,23 €
Número de obras: 27
Vimianzo
POS+ 2026: 1.398.842,08 €
Total 2017-2026: 13.798.835,91 €
Número de obras: 70
Zas
POS+ 2026: 1.063.645,97 €
Total 2017-2026: 9.751.244,51 €
Número de obras: 47
Total comarca Bergantiños-Costa da Morte
POS+ 2026: 15.250.837,43 €
Total 2017-2026: 150.617.016,01 €
Número de obras: 764