O Plan Único ofrece aos concellos total liberdade á hora de decidir en qué investir os fondos que lles achega a Deputación, cunha distribución que se basea en criterios obxectivos como a poboación, superficie, número de parroquias ou esforzo fiscal de cada municipio.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, remarcou a utilidade deste programa para «contribuír á reactivación económica, cun investimento moi importante que este ano alcanza os 90 millóns na provincia, mellorar infraestruturas e servizos municipais e dar apoio aos concellos nos seus programas sociais». Na Costa da Morte alcanzará este ano un total de 15.512.606 euros, dos que 4,5 xa teñen como destino o financiamento de 55 obras.
Entre os investimentos destacan a mellora da iluminación do campo de fútbol do complexo deportivo As Eiroas de Carballo (260.065 €), a conservación e mantemento da piscina municipal da Rocheira (209.479€) e renovación do campo de fútbol da Rocheira (176.466 €) en Coristanco, construción dunha senda peonil a Lingunde (71.662 €) en Camariñas, melloras de saneamento en Borreiros (Cee), Frixe (Muxía), A Silva (Cerceda), rúa xeneral Mourelle (Ponteceso), rúa Salvador Allende (Corcubión), e O Piñeiro (Coristanco), entre outras.
Entre os concellos que apostan por mellorar camiños e estradas municipais figuran Dumbría (197.774 €), Fisterra (150.155 €), A Laracha (423.382 €), Laxe (133.572 €), Malpica (213.285 €), Muxía (485.093 €), Vimianzo (175.471 €) ou Zas (394.657 €).