O Plan Único da Deputación inviste na seguridade viaria de tres parroquias da Laracha

1 minutes read

A Deputación da Coruña financia, a través do Plan Único, un proxecto valorado en 131.329 euros para a mellora da seguridade viaria en diferentes núcleos das parroquias de Erboedo, Lestón e Montemaior, no Concello da Laracha.

O plan provincial financia o 100% deste proxecto que está a licitación na Paltaforma de Contratación do Estado e que permitirá executar diferentes melloras viarias nos núcleos de O Vilar, O Longra, O Toural e Vilarmaior, na parroquia de Erboedo; Porta Santa, na parroquia de Lestón; e Cumians e A Fieira, na parroquia de Montemaior.

Os traballos a levar a cabo inclúen o acondicionamento e mellora do firme nestes lugares. Ademais, en Vilarmaior realizarase a contención da marxe dereita do camiño para reforzar o muro actual e retrasarase 2 metros, conseguindo máis ancho na plataforma da vía. Por outra banda, no Vilar aproveitaranse as obras para mellorar a rede de pluviais actual e na Fieira acondicionarase un cruce que agora é de terra.

O prazo de presentación de ofertas rematará o 29 de novembro e o tempo estimado de execución dos traballos é de 4 meses a partir do seu inicio.

Desde a súa creación, o Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña leva financiadas máis de 2.700 obras que melloran as infraestruturas e os servizos públicos nos 93 concellos da provincia. Delas, 1.259 corresponden a obras de mellora no acceso a núcleos rurais coma as que se efectuarán no concello da Laracha.