A Laracha aproba, por unanimidade, o novo regulamento municipal para a venda ambulante

2 minutes read
  • No pleno deuse conta da liquidación do exercicio económico do 2020, que deixa un remanente líquido de tesourería de 1,7 millóns de euros

O Concello da Laracha celebrou este venres o pleno ordinario correspondente ao mes de marzo onde se aprobaron, por unanimidade, a totalidade dos puntos incluídos na orde do día como o texto do novo regulamento municipal de venda ambulante que afecta principalmente á feira de Paiosaco. Esta norma mellora aspectos como o funcionamento interno, a concesión dos postos, o cambio de titularidade, a identificación dos comerciantes e os requisitos necesarios para exercer a venda. Ademais, tamén quedan establecidas as multas que deberán pagar aqueles comerciantes que non manteñan os seus postos nun correcto estado de limpeza. O alcalde, José Manuel López Varela, explicou que “non é unha ordenanza fiscal, senón que se trata de que a feira funcione aínda mellor e continúe sendo un motor económico para Paiosaco e para o todo o concello”.

Entre outros asuntos tamén se acordou apoiar a declaración da Costa da Morte como Reserva Mundial do Surf, ademais de solicitar á Consellería de Cultura, Educación e Universidade o cambio de uso das antigas escolas da Areosa para convertelas de xeito oficial nun centro sociocultural. Como apuntou o rexedor, este cambio de uso “permitirá ao Concello poder realizar no edificio actuacións de rehabilitación” segundo as necesidades que se presenten.

Outros asuntos. Na sesión deuse conta da liquidación do exercicio económico 2020 que deixa un remanente líquido de tesourería para gastos xerais de 1.699.486,52 euros. Ademais, aprobouse unha moción para instar á Xunta a que poña en marcha un plan contra a exclusión financeira no ámbito rural.

Antes de iniciar a sesión e tras gardar un minuto de silencio polas vítimas da Covid-19 e de violencia de xénero, o alcalde procedeu á lectura da declaración institucional do Concello en sinal de apoio á Confraría de Pescadores de Caión en particular, e á frota galega de pesca artesanal en xeral, ante a problemática que lles supón a modificación do Regulamento de Control da Pesca aprobada recentemente polo Parlamento Europeo.