O polbo será de novo protagonista nas Xornadas Gastronómicas da Confraría de Pescadores de Corcubión

3 minutes read

A Confraría de Pescadores de Corcubión presenta a programación da súa cita gastronómica. Os días 21, 22 e 23 de agosto celebraranse as Xornadas Gastronómicas da Confraría de Pescadores de Corcubión, tres días nos que a gastronomía, as actividades divulgativas e o achegamento á pesca de baixura daranse cita no porto e a lonxa de Corcubión.

O polbo será o gran protagonista desta cita, aínda que tamén haberá espazo para outros produtos da lonxa, como o longueirón e a sardiña. Na carpa gastronómica que se instalará no peirao, os asistentes poderán degustar polbo en catro elaboracións distintas: á feira, á brasa, en croquetas e en empanada. A oferta completarana os longueirones á prancha e a empanada de millo, a novidade desta edición.

A cociña abrirá o venres de 20:00h a 23:30h, o sábado de 13:00h a 17:00h e de 20:00h a 23:30h e o domingo de 13:00h a 17:00h.

Promo do evento_novahit.

Showcookings con prazas limitadas

A programación inclúe tres showcookings gratuítos que se celebrarán no interior da lonxa. Serán o venres e o sábado ás 19h e o domingo ás 12h. Cada mostra de cociña conta con 30 prazas e permitirá aos asistentes rexistrados presenciar en directo a elaboración de diferentes receitas con produtos da confraría, para degustalas despois. A inscrición é gratuíta a través do teléfono 981 746 951. A fin de facilitar a participación do maior número de persoas, só permitirá a inscrición nun dos tres showcookings por persoa.

Talleres infantís de ciencia mariña

Un ano máis, os máis pequenos terán a oportunidade de achegarse ao mundo mariño a través de dous talleres de divulgación científica que os profesionais de Arenaria Coordinación impartirán o sábado. Ás 12:00h, un taller de disección de cefalópodos permitirá aos nenos de entre 6 e 12 anos examinar por dentro e por fóra especies como a lura, con observación ao microscopio incluída. Ás 19:30h, un segundo taller aberto a todas as idades explorará a biodiversidade mariña a través de mostras de animais, cunchas e outros elementos didácticos, dando a coñecer a orixe das especies que habitan as rías galegas.

As prazas para estes talleres infantís son tamén limitadas, polo que todos os interesados en participar deberán inscribirse previamente no 981 746 951.

O polbo, protagonista tamén nunha charla divulgativa

As xornadas inclúen ademais unha charla dirixida por profesionais vinculados á confraría, que abordará a extracción do polbo, o seu proceso na lonxa, a súa importancia na historia da confraría e algunhas curiosidades biolóxicas da especie.
Unha fin de semana cargada de sabor e actividades para dar a coñecer a riqueza pesqueira de Corcubión e os recursos máis importantes da súa ría.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

Venres 21 de agosto

• ⁠19:00h – Showcooking (inscricións: 981746951)
• 20.00 horas. Apertura da cociña
• 23.30 horas. Peche da xornada

Sábado 22 de agosto

• 12.00 horas. Taller infantil ((inscricións: 981746951)
• ⁠12.30 horas. Curiosidades do polbo e a súa importancia na historia da confraría
• 13.00 horas. Apertura da cociña
• 17.00 horas. Peche da cociña
• 19.00 horas. Showcooking (inscricións: 981746951)
• 19.30 horas. Taller infantil de biodiversidade mariña (inscricións: 981746951)
• 20.00 horas. Apertura da cociña
• 23.30 horas. Peche da xornada

Domingo 23 de agosto

• 12.00 horas. Showcooking (inscricións: 981746951)
• 13.00 horas. Apertura da cociña
• 17.00 horas. Peche da xornada