O PP culpa aos alcaldes socialistas da perda de empregos na Costa da Morte tras o cambio da Lei de Costas

2 minutes read
  • Evaristo Ben incide na “importante diminución económica” que supoñerá para os municipios do litoral

O vicesecretario de Organización e Territorio do Partido Popular na provincia da Coruña, Evaristo Ben, responsabilizou este mércores aos alcaldes socialistas da Costa da Morte da perda de postos de traballo que provocará o cambio normativo da Lei de Costas.

Nunha reunión con alcaldes e portavoces da comarca, e acompañado pola secretaria provincial, Rosa Gallego, e polo delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, Ben asegurou que o texto “preocupa enormemente” aos sectores produtivos afectados dado que, segundo explicou, preténdese introducir unha serie de preceptos novos que amparan algunhas interpretacións moi restritivas que se estaban facendo da lei de Costas, e disemínanse preceptos novos moi xenéricos e abstractos que recrúan as esixencias ambientais en claro detrimento das posibilidades de exercicio lexítimo e sustentable das actividades ligadas tradicionalmente ao mar de Galicia.

Como exemplo, Ben apuntou que o borrador de novo Regulamento recorta drasticamente a prórroga extraordinaria das concesións de ocupación de dominio público marítimo terrestre, desvirtuando así o espírito co que se creou esta figura na reforma da Lei de Costas de 2013.

O popular subliña que a lei reforza os requisitos necesarios para renovar as concesións e para obter prórrogas das actualmente existentes, o que prexudicará a numerosas empresas que traballan nos municipios costeiros.

Doutra banda, Ben criticou que os cambios previstos responden a unha aposta das autoridades de Costas por un litoral libre de actividade produtiva, o que supón optar por un uso preferentemente recreativo fronte aos usos produtivos tradicionalmente vinculados ao mar.

O vicesecretario aproveitou tamén para cargar contra o goberno socialista e os deputados galegos que o apoian, xa que “demostran non coñecer as necesidades nin de Galicia, nin desta comarca” en relación á realidade histórica e socioeconómica do sector da pesca, a acuicultura e o marisqueo.